viernes, 16 de abril de 2010

Posposto o relatorio sobre a ILP de Navantia

 Europa Press Os grupos con representación na Cámara pospuxeron, sen fixar unha nova data, o relatorio para abordar a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que pide pór fin ao veto do antigo estaleiro Astano, agora Navantia-Fene, tras unha petición de adiamento da deputada socialista Beatriz Sestayo.

Deste xeito, a iniciativa, impulsada pola Asociación 'Rumbo 21', e que a parlamentaria do grupo maioritario da Cámara Natalia Barros xa avanzou que apoia, permanece á espera de que os grupos a introduzan na orde do día do pleno para o seu debate tras conseguir 18.000 sinaturas de cidadáns que a apoiaron.
Previamente, os grupos tratarán de buscar un consenso no seo do relatorio, que agora se pospón sen fixar ningunha data. Segundo fontes consultadas por Europa Press, os representantes dos grupos acordaron aproveitar as comisións de Industria (como a celebrada este venres na Cámara autonómica) para avanzar neste sentido.


Os deputados terán de novo ocasión de reunirse o próximo 30 de abril, día en que está prevista unha reunión desa comisión, aínda que as fontes consultadas indicaron que iso non impedirá que se poidan reunir con anterioridade para tratar de lograr un consenso ao redor da construción naval civil en Fene.
En todo caso, se se respecta o calendario de comisións, esta iniciativa, que demanda reabrir a negociación con Europa para levantar a prohibición comunitaria que impide que Navantia constrúa buques civís até 2015, quedará excluída do próximo pleno da Cámara.



Veto do 2005
O veto a Astano procede do 2005 da firma dos acordos entre España e Bruxelas para evitar que a empresa pública española tivese que devolver as axudas económicas que percibira entre 1999 e 2003, cando foron fusionados os estaleiros de Izar baixo o Goberno de José María Aznar e que Europa considerou ilegais. Este mesmo mes de abril, o comisario da Competencia da UE, Joaquín Almunia, cifrou en 975 millóns de euros a cantidade que debería devolverlle a Europa.
Con todo, os impulsores da iniciativa sosteñen que Navantia Fene non foi beneficiario do groso das axudas, polo que consideran que se debería reabrir a negociación.
Ademais, o presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero, comprometeuse en varias ocasións a aproveitar a presidencia de España en Europa para expor reabrir o expediente de Izar, pero Almunia asegurou que o Executivo español non enviara ningunha petición formal para revisar a situación.

No hay comentarios: