miércoles, 28 de abril de 2010

AGRADECEMENTO AO SR. CARRO

XOÁN GATO

No Diario de Ferrol do pasado martes día 20 de abril de 2010, pódese leer un “artigo” de opinión redactado e asinado por Don Xavier Carro Garrote, deputado no Congreso polo grupo do PSdeG-PSOE, no que o devandito político, aproveitando o proceso electoral convocado para a renovación das vogalías da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol, Eume e Ortegal, realizaba un furibundo ataque persoal contra a imaxe visible dunha das listas que concorrían ás devanditas eleccións.

Como ben recoñecía o Sr. Carro, carecía de dereito de voto “neste lance”. Non obstante permítíase o luxo de afirmar -quizáis sen ler sequera o programa electoral dos candidatos- que se o tivera votaría sempre en contra do “persoeiro” Sr. Gato Díaz.

Un tanto extrañado da súa tardía irrupción nun proceso ao que debería manterse alleo, este “persoeiro” (quen recolleu a confianza que o pobo de Narón lle depositou ao gañar todas as eleccións municipais ás que se presentou, dende o ano 1985 ata as derradeiras do ano 2007) desexa manifestarlle publicamente que representou nas eleccións celebradas o pasado xoves 22 de abril, a un movemento empresarial complexo en canto á diversidade de actividades, amplitude territorial e escala de movemento económico, contando co expreso apoio de diversas asociación empresariais que, en termos de emprego, tradúcense en mais de 4.000 (catro mil, si) postos de traballo nas nosas comarcas.

Precisamente por respecto a eses/as compañeiros/as de andadura e a todos/as os/as votantes (maioritarios) da lista electoral Novo Impulso, debo indicarlle que non se trata de “patronos que quedaron fóra da institución cameral por vontade propia rodeando ao Sr. Gato Díaz, aínda que antes o aborrecían”, senón que aquela candidatura integrouse por persoas físicas e xurídicas que teñen amosado ao longo da súa traxectoria un compromiso serio cos proxectos empresariais, coa innovación tecnolóxica e, en definitiva, coa xeración de riqueza e emprego, tan necesarios nunhas comarcas tan castigadas pola lacra do paro e tan esquecidas polos sucesivos gobernos e lexisladores estatais e autonómicos.

Agradézolle de corazón a súa fonda e seguramente sinceira preocupación polo futuro da Cámara de Comercio e especialmente o seu consello aos empresarios de ter “sentidiño” á hora de votar. Parece ser que así o demostraron e o tiveron en conta no momento de elixir a vintedous -dos vintecinco posibles- representantes da candidatura que eu representaba.

Precisamente dende agora póñome ao servizo non so dos que me apoiaron, senón tamén de todos e todas os/as autonómos/as, empresarios/as e sociedades mercantís que coa súa destacada e dificultosa tarefa están a levantar a nosa economía e as nosas comarcas, confiando plenamente en contar co seu apoio e traballo para conquerir a pronta chegada das grandes infraestruturas que precisamos (Vía de Alta Capacidade, accesos ferroviarios ao porto exterior, AVE, mellora da FEVE, etc), así como para lograr que o noso querido Astano retorne a estar operativo a pesares da actuación daqueles que se opuxeron a elo no Parlamento do Estado.

Antes de rematar esta misiva déixeme facer unha reflexión persoal, á que me obliga a miña estadía á fronte da Alcaldía de Narón, tras a atenta lectura que fixen do seu artigo do pasado martes e das súas verbas sobre “o cutre acomodo urbanístico” do meu pobo. Sr. Carro, Narón, a moita honra, creceu porque os seus habitantes traballaron para iso. O mérito, pois, dese crecemento non é exclusivo dos seus gobernantes, senón dun pobo orgulloso da súa terra. Os deméritos dos alcaldes de Ferrol xustificarán a ralentización no despegue desa cidade (un despegue que, estou seguro, agora chegará) pero nunca lle reste aos veciños e veciñas de Narón nin un ápice do seu esforzo.

Narón creceu cos mimbres que tiña e indubitadamente moitos serán os erros cometidos. Pero o modelo urbanístico de Narón fíxose nun marco legal aprobado polas demais administracións públicas. Administracións como a autonómica que informaron favorablemente o asentamento das industrias e cementeiras, e avalaron o planeamento urbanístico municipal (aprobado por certo polo PSdeG-PSOE, socio de goberno de UN en numerosas ocasións). E non esqueza que a recaudación do Concello naronés nunca estivo baixo sospeita, mentres que a financiación doutros partidos políticos, noutros tempos, non era sospeitosa senón flagrantemente irregular.

Aínda que non teño máis expectativas políticas (gañar en cantas eleccións me presentei é o que ten) reitérolle a miña predisposición a colaborar estreitamente coa totalidade das administracións públicas, institucións e en fin con todos aqueles que, dun ou doutro xeito, colaboraron activamente (a favor ou en contra como vostede) no exemplo democrático que deu o sector empresarial de Ferrol, Eume e Ortegal nas eleccións camerais do vintedous de abril de dous mil dez.

Grazas Sr. Carro.

diariodeferrol.com

No hay comentarios: