sábado, 27 de marzo de 2010

Ferrolterra clama polo fin do Veto

  
Con F de fé en Fene e Ferrol
Non se xoga coas cousas de rilar. Semella que ese era o pensamento de moitos dos manifestantes que este mediodia percorreron as rúas de Ferrol, reclamando o levantamento do veto para o estaleiro de Perlío. Non se xoga coas cousas de comer. Porque en Ferrol, como en Fene, Narón, Ares, Mugardos, Neda e en toda a comarca, cómese do sector naval. É así desde hai máis de 250 anos.

Sociedade27/03/2010Autor: Henrique Sanfiz
 
Entre 4 e 5.000 persoas participaron no acto "pola criación de emprego, por un sector naval con futuro, levantamento do veto a Navantia Fene", entre os que se atopaban os alcaldes de Ferrol, Fene, Narón, Mugardos e San Sadurniño, concelleiros do PSdeG PSOE, BNG, PP e EU de Fene, o secretario xeral da CIG Xesús Seixo, o voceiro do BNG Guillerme Vázquez e representantes de asociacións empresariais. "O veto a Astano, que o quiten este ano" foi un dos berros máis secundados na protesta convocada por Rumbo XXI, que saiu minutos despois das 12 da mañá do peirao de Curuxeiras.

O escritor Manuel Rivas fechou a marcha na Praza de Armas, salientando a incongruencia de que "o país que mellor sabe facer barcos, non poida construir naves". O literato expresou a vontade de "vencer ao tangaraño que levou ao mellor estaleiro do mundo a un limbo fantasmagórico". "Chegou o intre do rescate de Astano e de convertir a Ferrol no corazón da gran factoria galega" suliñou Rivas indicando tamén que o transporte marítimo está a manter o tipo nestes momentos de crise económica "o que fai máis urxente a reactivación do estaleiro" manifestou.

Ferrol non entende que se prohiban facer barcos. O Fondo Monetario Internacional e os paises da Unión Europea veñen de chegar a un acordo para salvar a Grecia da quebra. Os estaleiros da ría tamén necesitan de medidas que garantan o seu futuro. Por iso se movilizaron esta mañá moitos cidadáns atendendo á convocatoria de Rumbo XXI.

Discurso de Edgar Vigo e Manuel Rivas no remate da manifestación polo sector naval
A marcha polo levantamento do veto a Astano percorreu as rúas de Ferrol este 27 de marzo do 2010 

 As fotos tamén son de radiofusión.eu
radiofusion.eu

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Agora xa chegou o tempo das reflexións.O marxen do baile de cifras dos asistentes a manifestación do Sabado, non se pode considerar un exito dita mobilización.
PP,BNG, IF, TG, todolos axuntamentos da comarca , agas Ferrol, CIG, CNT,Galicia Nova, Empresarios, Hosteleiros, Buses e lanchas gratis, 9000 cartas enviadas pola CIG...etc etc....Non fumos capaces de mobilizar a Comarca, algo falla. Temos que poñernos as pilas, TODOS, e remar na mesma dirección, e hora se sentarse con axentes sociais,partidos e COMITES DE EMPRESA DAS EMPRESAS AFECTADAS, e haber si somos ,de unha vez, capaces de quietar unhas conclusións REALES e SERIAS, para sacar a esta Comarca da grave crise que nos esta a afectar. SENTIDIÑO E CORDURA, ainda estamos a tempo.

Lolo dijo...

Creo sinxelamente que para facer unha reflexión do resultado da mobilización do Sábado, hai que partir da análise da situación na que se deu. Aí van as miñas:

PARTE 1ª

Levamos seis anos desde a sinatura dos últimos acordos sobre o naval - apoiados por CCOO e UGT - que consumaron o proceso de liquidación do sector na nosa comarca. Durante este proceso, decretouse unha sorte de "top secret" sobre o asunto, unido a un proceso de narcotización - promovido co mesmo apoio sindical -do que saíu o nefasto "Plan Ferrol", co que se tentou acalar calquera posibilidade de contestación á situación do deterioro da comarca.

Neste escenario, os papeis que haberían de cumprir as forzas - fundamentalmente, as sindicais - quedaron invertidos; convertindo a quén tería que ser o canle de expresión da reivindicación comarcal no muro de contención da mesma. A Plataforma Rumbo 21 nace precisamente como resultado desa situación, tentando superala e colocar de novo a reivindicación do naval como unha cuestión prioritaria e estratéxica. Convén lembrar que na convocatoria aberta que se fixo a finais do 2008 para a constitución da Comisión Rumbo 21, xá se constatou a oposición de CCOO, UGT, PSOE, IU....Polo tanto, os que non estaban na manifestación do Sábado fixérono consciente e deliberadamente.

Tamén no proceso de recollida das máis de 18000 sinaturas, a actitude destas forzas foi claramente refractaria, cando non de claro boicot á iniciativa. Hai que consultar a hemeroteca. Pero é desde o momento mesmo da convocatoria da mobilización cando se agudizan os ataques ( nalgún caso, con actitudes enfermizas ) por parte de organizacións e persoas contra de Rumbo 21, con insidias e falsedades. Con repasar os artigos de opinión dos últimos 15 dias nos xornais comarcais, podemos certificar que non houbo un proceso de mobilización na nosa comara que espertase tanta "oposición activa", como este último.

A estas alturas resulta evidente que o nível de implicación nos apoios ás mobilizacións - a esta, e tamén a outras que se celebraron - teñen moito de declaracións para a galería e pouco de implicación activa. Eu nunca vin ao PP, nen ao PSOE, nen a algúns concellos ou organizacións empresariais volcarse en serio nas convocatorias. Polo tanto, pensar que - ao marxe do apoio teórico - ían facelo agora, podía ser un desexo, pero non unha realidade.
Pero hai máis. Hai que lembrar que na última mobilización convocada pola Asociación Impulsora do “Plan Ferrol” o 23 de Novembro do 2008, que contara co apoio de todos os sindicatos, o PP, o PSOE, o concello de Ferrol, as asociacións empresariais.....; houbo finalmente unha participación de pouco máis de 350 persoas ( volver outra vez á hemeroteca ). Se do que se trata aquí é falar simplemente de números, resulta evidente que a mobilización de onte multiplicou por trece a do ano 2008.....

Lolo dijo...

PARTE 2ª

Creo que para a mobilización do sábado houbo organizacións – e así queda reflectido nas imaxes e nas crónicas – que sí se volcaron de cheo, e outras que se quedaron no apoio testemuñal. O caso do PP é relevante, xa que sendo unha forza con implantación institucional e social ampla na nosa comarca, nen fixo traballo activo, nen aportou corpo social, nen enviou cargos institucionais. E o mesmo poderiamos falar de concellos que tomaron acordos plenarios por unanimidade e logo nen os alcaldes asistiron á manifestación.

Pero hai situacións que rozan coa esquizofrenia. Que un Alcalde da cidade cabeceira da comarca, presidente da Mancomunidade, logo de votar un acordo ( creo que, este sí, foi con nocturnidade e alevosía ) que por un lado asume que hai que levantar o veto, pero que por outro opónse á expresión cidadá – a mobilización – para reclamalo; atrévase logo a exercer de carota aparecendo ao comezo da mobilización como sen fose o máis normal do mundo....A min paréceme que nunha sociedade normal teriano corrido a boinazos ¿non?

Pero quero volver ao fío do que me parece substancial. E creo que non podemos autoenganarnos. A sociedade comarcal está dividida, porque os axentes sociais, os políticos e os sindicais non serven todos á mesma causa. Uns foron cómplices da situación actual, da sinatura dos acordos do naval no 2004 que confirmaron a prática liquidación da antiga Astano, da aparición dun Plan Ferrol concebido máis como manobra de despiste que como instrumento real de industrialización ( ver as cifras de paro actual en comparación coas de hai tres ou catro anos ) ou da complicidade co mantemento do veto. Desde esa óptica, parece lóxico e normal que agora non queiran revisar a historia – nefasta, por certo – que eles mesmos protagonizaron. Pola contra, houbo organizacións que mantiveron – contra vento e maré – a reivindicación do naval como estratéxico, situando este sector como referente para a revitalización da comarca. E hai ( ao meu xuizo, o máis importante ) unha sociedade plural, crítica, preocupada polo futuro e disposta a defendelo.

Eu tamén acredito na reivindicación da maior unidade posíbel a respecto do naval debe de ser un obxectivo a conseguir. Pero hai que facelo precisamente en torno á coherencia e compromiso de defender na prática os obxectivos de creación de emprego, un sector naval con futuro e, especialmente, o levantamento do veto á antiga ASTANO aproveitando a presidencia de turno na UE do estado español, que remata a mediados deste ano. CCOO e o PSOE ( ver a carta de Xabier Carro no Diario de Ferrol a semana pasada ) xá nos dixeron que para eles o levantamento do veto non é prioritario. Pois creo que eles, e non outros precisamente, serían os que terían que facer unha reflexión crítica sobre o que fixeron nestes anos, e de cómo contribuiron á desmobilización e ao esmorecimento das espectativas da sociedade comarcal.

Lolo dijo...

PARTE 3ª ( E ÚLTIMA )

Polo demáis, creo que neste proceso quedou demostrado tamén o concepto patrimonialista – desde o meu punto de vista, profundamente reaccionario – que algúns teñen do naval, pensando que naide de fóra do estaleiro pode opinar sobre do pasado e do futuro do naval; situación que é reveladora dun medo escénico a que se lles toque a sua parceliña de poder, pero, sobor de todo, por medo a que a sociedade coñeza os entresixos que rodearon e rodean aos acordos do naval e do papel que cada sindicato tivo neste campo. Para eles, o naval é cousa de todos cando toca defender o sector desde fóra das empresas; pero logo resérvanse ( preguntáronlle á sociedade comarcal cando asinaron os acordos do 2004??) a capacidade exclusiva para asinar acordos que merman gravemente o peso do naval na nosa comarca.

¿Non chama a atención – logo de 25 anos de liquidación progresiva do naval na nosa comarca – que agora desde algúns sectores se pretenda situar o problema en se a futura empresa que podería sair do levantamento do veto sería pública ou privada ? ¿ Non sería máis lóxico forzar a máquina agora, cun compromiso do presidente do goberno para revisar o veto e coa capacidade que pode darnos o feito de que ese mesmo presidente o sexa tamén da UE, que é a que ten que revisar o acordo; para lograr o obxectivo do levantamento do veto? O que hai que resolver, o que é prioritario para a sociedade comarcal non é se público ou privado, senón ABERTO ou PECHADO. Definir o modelo de xestión dun estaleiro impedido de construir pode constituir un excelente exercicio de funambulismo; pero utilizar esta “excusa” para non participar nunha mobilización en defensa do emprego e polo levantamento do veto, constitùe unha auténtica irresponsabilidade.

Para nós – os que participamos activamente na última mobilización – a sociedade comarcal non só debe de ser espectadora, senón protagonista dun futuro diferente. Desde o 2004, no que se asinaron os últimos acordos do naval, vivimos seis anos nos que non se nos predicou máis que resignación, conformismos e unha política de comulgar con rodas de muiño. Creo que a mobilización do pasado 27 marcou o principio dunha nova etapa: autoestima, responsabilidade e compromiso.Parafraseando a Castelao eu tamén diría “Non lle poñades chatas á obra mentras non se remata. O que pense que vai mal que traballe nela; hai sitio para todos”.