viernes, 26 de febrero de 2010

A voltas con Astano e o futuro de Ferrolterra


O pasado 29 de Decembro os promotores da Iniciativa Lexislativa Popular Rumbo 21 saiamos contentos do pleno do Parlamento de Galicia. Os grupos da Cámara viñan de escoitar a exposición de motivos e o texto da Iniciativa e decidiran apoiar a súa tramitación. Os promotores presentes no acto démonos apertas dicíndonos ¡Por fin,conseguímolo! A voz dos ferroláns ratificada por máis de 18.000 sinaturas viña de soar alta e clara en verbas do noso colega Jesús Varela. Nos vindeiros seis meses coa presidencia española de quenda na UE Rodríguez Zapatero, co apoio do novo comisario da Competencia, señor Almunia, o membro máis importante da poderosa Comisión da UE despois do presidente Van Rompuy e de Durao Barroso, poderían resolver o problema. Pensabamos que o veto que limitaba a construción naval civil en Astano sería
sería moi pronto so un pesadelo.

Mais, como na poesía rosaliana, a semana pasada no transcurso do debate das cortes sobre as estratexias para superar a crise, a negra sombra xurdiu de novo nas palabras do ministro Miguel Sebastián. Segundo este señor, o levantamento do veto será moi difícil porque iso podería obrigar a revisar o expediente sancionador sobre as axudas ilegais recibidas polas empresas integradas en Izar no período 2000-2004, condonadas en troques dun acordo que desembocou na creación de Navantia, un conglomerado de estaleiros no que, como unha maldición bíblica, sobre Astano pesaría un veto que prohibiría a construción naval civil ata 2015.

En Rumbo21 temos interese en que se revise dunha vez o expediente sobre as axudas ilegais. Segundo os dados que nos foron proporcionados nunha visita a Bruxelas na Comisaría da Competencia o pasado ano puidemos colixir que o estaleiro de Fene non recibiu nin un euro de axudas públicas ilegais que vulneraran a libre concorrencia durante o período 2000-2004. Nese período o estaleiro de Fene operaba dentro da actividade off shore no segmento de produción de buques de explotación de cru en augas profundas FPSO, no que era unha referencia mundial, polo que podía conseguir contratos cun marxe de contribución positivo.

Non somos quen de entender as razóns que levaron aos asinantes do acordo de 2004 a aceptaren que Astano fora o año expiatorio do sector, cando era e segue a ser tan difícil ter acadado un nivel de diferenciación tecnolóxica que lle permitía ter sólidas barreiras de entrada a novos concorrentes. En construción naval, como en calquera outra actividade, pode competirse en prezos ou en diferenciación. A primeira vía é perigosa e obriga a xogar en terreos esvaradíos. É moi difícil competir con éxito en prezos tendo en conta o déficit organizativo, os salarios e a baixa produtividade da construción naval pública española fronte a coreanos e chineses. Pero si podemos competir e acadar sólidas posicións de mercado por medio da diferenciación no deseño e na tecnoloxía. Esa posición, que tiña xa conquistada Astano no segmento dos FPSO, permitíalle defender o seu beneficio fronte a provedores, competidores e clientes. Malia todo, tivo que apandar cos males xerados noutras empresas do grupo Izar. Viuse obrigado a abandonar un mercado que fora tan difícil conquistar. A dinámica dos mercados, especialmente nesta xeira de globalización, tennos ensinado que todo oco de mercado tende a ser ocupado polos competidores potenciais. Neste caso foi ocupado por competidores nun prazo de tempo bastante curto porque, segundo parece, a información técnica de carácter relevante dun novo contrato que estaba xa definida e para asinar cun armador, foi cedida por este a un importante estaleiro coreano ao constataren que por mor dos acordos de reconversión asinados en 2004 Astano tiña un veto que lle impedía construílos. O camiño seguido diluíu as barreiras de información, a vantaxe competitiva que fora tan difícil acadar. Desgrazadamente os xestores da construción naval pública española non dan aprendido.

A algúns gustaríalle que o pasado estivera xa definitivamente enterrado. Pero non está aínda morto, porque fican os recordos. Por iso non poden quedar sen unha ampla resposta social as manifestacións do señor Sebastián contradicindo o interese por abordar o levantamento do veto durante o semestre de presidencia española que tiña amosado o presidente Rodríguez Zapatero nun outro debate anterior nas cortes. A verdade é que o tempo pasa, que quedan só 4 meses de presidencia española na UE e que, se a sociedade ferrolterrán non se move, corremos o risco de que outra volta a negra sombra que cubre a nosa cidade nos impida ver a luz do futuro.

Un futuro que non pode depender soamente da actividade militar, outra vez en perdas, e con progresivas dificultades para financialas por mor dos problemas orzamentarios derivados da crise. No horizonte non se albiscan aínda intencións serias de artellamento dunha alianza ou consorcio europeo dos estaleiros militares que puidera consolidar as perdas. Diante desta incerta situación é vital abrirse a outras posibilidades, diversificar o risco poñendo os ovos en distintos cestos, dar pasos decididos na creación dun grande centro de reparacións e eliminar o veto sobre a construción naval civil permitindo resituar a Astano nun amplo e diversificado mercado off shore, que está a xerar actividade e contratación derivada das novas actividades enerxéticas, plataformas de muíños de vento en alta mar e aproveitamento de enerxía das ondas, e dos contratos nos mercados baixo augas profundas nos campos de crú ártico e brasileño.

Estamos aínda a tempo se nos movemos apresa e somos quen de reter o coñecemento que atesoura aínda parte do capital humano prexubilado e de dinamizar o funcionamento do Centro Tecnolóxico do naval en colaboración coa Escola Politécnica da Universidade da Coruña, da que están a saír xa os novos técnicos que han permitir que a actividade que colocou a Ferrol no mapa do mundo continúe nos anos vindeiros. O futuro non depende so dos de fóra. Mobilicémonos.
lavozdegalicia.es

No hay comentarios: