sábado, 13 de febrero de 2010

25 anos da reconversión



Fan 25 anos do concerto na Malata, a favor dos traballadores da reconversión de Astano.
Este era o discurso de apertura."de aquellos barros,estos lodos"


Unha folga que deixou unha pegada:

O vindeiro 14 de febreiro cúmprense 25 anos do paro xeral que a Intersindical Nacional de Traballadores Galegos (INTG) chamou primeira Folga Xeral Nacional. No ano 1984 convocáronse dúas folgas xerais máis: o 12 de xullo e o 29 de novembro. Os motivos: o desmantelamento industrial, especialmente do sector naval, que quentaba as rúas de Vigo e Ferrol con mobilizacións a cotío, e a destrución de emprego en practicamente todos os sectores.

Como toda primeira experiencia non pararon todos os sectores nen coa mesma forza todas as comarcas, mais foi quen de xerar tensión social en todos os recunchos da nación, facer paros e actos diversos. Foi sobre todo un éxito propagandístico, que lle deu un gran pulo ao sindicalismo nacionalista e fixo del unha referencia no eido laboral, non só nas pequenas e medianas empresas (onde tiña ate ese intre maior implantación) senón tamén naquelas empresas máis grandes, onde o sindicalismo de ámbito estatal estaba moi consolidado.

Sobre o deterioro da economía galega naqueles anos, os dados son esmagadores, así en 1976 só había 19.400 parados segundo a EPA e no 1º trimestre de 1984 xa atinxían 131.500 (utilizando os métodos do ano 2000), aínda que as cifras que se daban daquela polas centrais sindicais e as estatísticas do momento elevaban a cifra a 170.000. Os planos de reconversión atinxían moi especialmente a Astano que pasaría a ter 2.200 traballadores dun total de 5.689 cos que contaba nese momento; e en Ascon de 1.642 operarios pasaba a 825. A perda de emprego noutros estaleiros como Cádiz, Puerto Real, Sevilla e Manises era mínima. Dos 8.299 empregos que o Governo central quería eliminar nos grandes estaleiros o noso país era o máis afectado e a continuación o País Basco. O plano de reconversión de grandes estaleiros elimina Astano da construción de buques e supón unha redución no seu cadro de persoal do 62% (...) Respeito da incidencia do Plano nos pequenos e medianos estaleiros (Sorena) compre subliñar que supón a desaparición de Ascón con peche das instalacións de Meira e Ríos (actualmente arrendadas por Poliships pra construción de barcos de fibra) e tamén unha forte incidencia en Barreras e Vulcano (A economía galega, informe 1986, Caixa Galicia).

As tres folgas xerais de 1984, aínda que tiveron unha participación menor que outras posteriores, tamén de xornada completa, como as de 1988, 1992, 1994, 2001 e 2002, foron un inmenso paso adiante da clase traballadora galega, que permitiu os grandes éxitos de futuras convocatorias. Asemade, debemos lembrar que a principios da década dos oitenta os asalariados e asalariadas no país non chegaban ao 40% do total dos ocupados, unha porcentaxe moi semellante á dos que facían tarefas agrarias. Hoxe, cunha poboación ocupada similar os asalariados atinxen unha porcentaxe próxima ao 80% do total, os parados suman un numero moi parecido ao daquela, mentres que aqueles que realizan actividades agrarias están por debaixo do 6%. Son dados que debemos ter en consideración cando comparamos incidencia dos paros e participación nas mobilizacións, máxime cando hoxe a poboación está máis concentrada en cidades e a súa área de incidencia, así como en vilas, ou sexa: é máis urbán.

O nacionalismo unha forza rupturista

Estes paros foron posíbeis porque o nacionalismo galego mantiña posturas rupturistas, confiaba na capacidade deste pobo pra mudar radicalmente a realidade, e polo tanto rexeitaba todo tipo de paternalismos ou posturas acomodaticias. Esta actitude foise afortalando nos militantes e simpatizantes a medida que a praxe reflectía que era a máis axeitada, dándolle ao que daquela se chamaba o movemento nacional popular galego (MN-PG) unha grande capacidade pra axitar e divulgar o seu proxecto político.

Outro dos aspectos que foron fundamentais pra que as folgas xerais callaran son, ademais da situación do momento os antecedentes. Non se pode ignorar que os paros de 1972, durante a ditadura franquista, que tensaron non só a Ferrol e Vigo senón a outras cidades e vilas, estaba moi vivo na conciencia colectiva, especialmente a folga xeral en Vigo de 15 días no mes de setembro daquel ano, e a de solidariedade co conflito de Bazán en Ferrol en Marzo. Porén pra o nacionalismo, e os seus militantes, sobre todo mocidade, a maior experiencia práctica foron a morea de conflitos que estouparon nos últimos anos da ditadura e primeiros da transición, tanto nos convenios de sector como contra os peches de empresas.

Ese momento de tensión foi moi ben entendido pola ING (antecedente da INTG, e esta máis a CXTG da CIG, sen esquecer á CSG e CXTG), que aproveitando a ampla oposición ao Pacto da Moncloa, botou adiante as xornadas de loita, que foron un éxito divulgativo e axitativo. Estas xornadas amosaron que unha forza mediana, como era daquela a ING, podía axitar a todo o pais, facendo pequenos paros, asembleas, manifestacións, converténdose deste xeito en referencia social, mesmo atraguendo a outras organizacións a esta dinámica, primeiro, e despois ao espazo nacionalista. Nos seguintes apartados estenderémonos máis sobre estes antecedentes, que permitiron acumular forza e experiencia.

Outro aspecto que non se pode ignorar, nen desprezar, é que o nacionalismo actuaba daquela como unha forza única, refugaba toda sectorización, polo que practicamente o conxunto dos militantes apoiaban toda mobilización fora obreira, labrega, cultural ou barrial. Isto multiplicaba os medios humanos, e impedía o illamento dos conflitos, ademais axudaba a vincular o concreto co xeral, e o social co político. As xornadas de loita, primeiro, e as folgas xerais despois contarían coa participación explícita das organizacións do MN-PG, como ERGA, CC.LL, ANPG, UMG, UPG, BNG, etc.

E por último, e moi importante, destacar que as folgas xerais de 1984 foron posíbeis porque había motivos abondo pra facelas, non só pola reconversión naval, senón ademais porque a crise estaba destruíndo o pouco entramado produtivo que había na nación galega. Ou sexa: había condicións obxectivas e os suxeitos sociais e políticos dispostos a realizalas. Sempre teñen que darse a un tempo as dúas condicións.

A folga xeral do 14 de febreiro

Desde facía tempo na INTG alentábase a necesidade dunha folga xeral galega pra dar unha resposta acaída á salvaxe reestruturación que se estaba a facer do sector naval do país, deixando na rúa a miles de operarios nas comarcas de Ferrol e Vigo. Unha medida de forza difícil de concretar porque CC.OO e UGT non estaban polo labor. Argumentaban os sindicatos de ámbito estatal que non era posíbel un paro de solidariedade, xa que os traballadores só se mobilizaban polos seus problemas concretos. Este razoamento chocaba coas moitas folgas de sector e comarca realizadas polos máis diversos motivos. Porén neste caso a teoría era que se trataba de asalariados moi ligados á problemática ou que esta incidía indirectamente nas economías locais. A folga e posterior manifestación do 15 de abril de 1983 en Vigo, convocada pola INTG, CC.OO e UGT, que foi considerada polos medios de comunicación como a mais grande que viviu nunca o país, deron pulo a iniciativa do sindicalismo nacionalista.

A oportunidade apresentouse co acordo das tres centrais (CCOO, UGT e INTG) pra convocar o 14 de febreiro folga comarcal en Vigo e manifestación e paro do naval en Ferrol. Por suposto as centrais estatais non quixeron alargar o conflito ao resto do pais, polo que a única posibilidade era facelo desde a INTG, con todo iso significaba pra unha central que só representaba o 20% dos delegados e delegadas elixidos, por máis que tivera unha gran capacidade mobilizadora. Ademais unha parte da INTG non ollaba posíbel unha folga nacional, nuns casos porque coidaba que non tiña forzas abondo pra conseguilo, e noutros casos porque compartía as teses de que non era posíbel unha folga de solidariedade polo tema do naval en lugares tan afastados desa problemática como a Galiza interior. Venceu a postura de atreverse e estender a folga a todo o país, que se denominou nacional galega.

Claro que unha polémica tan importante, máxime cando se mesturaba con outras (valoración do Goberno PSOE, relación co BNG, etc), debilitou un chisco a capacidade da central nacionalista nalgunhas comarcas. Sen dúbida a extensión da folga, que xa estaba garantida nas comarcas de Vigo e Ferrol, foi posíbel porque o nacionalismo tiña unha militancia moi entregada e atrevida. Falo do movemento nacional popular galego (MN-PG) porque sería todo el o que apoiaría o paro, tendo en moitas comarcas un papel de apoio destacado o movemento estudantil (ERGA).

Evidentemente que a folga, que moitos miraban como só de solidariedade, non se convocou pola INTG baixo este único motivo, xa que había razóns abondo pra realizala non só polo desmantelamento do sector naval senón tamén pola difícil situación económico e social que padecía o conxunto de Galiza. Coidábase, e así se argumentou, que a xente era consciente de que só coa mobilización era posíbel arrincar medidas (cartos) ao Goberno central, que seguira unha política de marxinación co país até ese momento, malia as promesas e boas palabras. Claro que os primeiros beneficiados ían ser os traballadores do naval, porén dobregar ao Goberno daba azos á clase traballadora galega no seu conxunto, permitía avanzar noutras reivindicacións, acumulaba forzas, e xeraba conciencia de clase e nacional.

O paro do 14 de febreiro foi total na comarca de Vigo (onde convocaban CCOO, UGT e a INTG). En portada o Faro de Vigo daba a mesma cifra de manifestantes e titulaba o Editorial Todo un pobo e no pé dunha foto que cubría dúas paxinas engadía Cando toda a explanada do Náutico estaba xa ateigada , incluídas as rúas que alí conflúen, a manifestación percorría aínda por Concepción Arenal, Colon e Urzaiz ate a Vía Norte . Todos os xornais destacaban que non houbera grandes incidentes durante a xornada. O xornal de Madrid El País puña en portada unha foto da manifestación de Vigo e salientaba que parara Ourense e en menor medida A Coruña e Lugo. La Región titulaba na capa Primeira folga xeral en Ourense , e en subtítulos A INTG cos seus piquetes paralizou toda a actividade comercial e industrial . A Nosa Terra destacaba que Tamén houbo paros considerábeis noutras cidades como A Coruña, Pontevedra e Lugo. Porén a repercusión non foi só nas grandes cidades, senón que vilas como Allariz, Xinzo, Fene, As Pontes, Viveiro, Vilagarcía, Muros, Carballo, A Estrada, e outras moitas tamén viron a súa actividade paralizada en parte . Compre destacar ademais a folga no sector do ensino, paro que en moitos casos era imposto polos alumnos. Neste sector salientaba Santiago onde o paro foi total na Universidade

Sen dúbida o éxito desta primeiro paro xeral fixo posíbel que se puidera convocar a Folga Xeral do 12 de xullo, que neste caso seria convocada tanto pola INTG como por CC.OO que recoñecía deste xeito que había condicións pra unha folga xeral nacional galega, o que ate pouco antes negaba. Isto fora motivo de moito debate nas empresas, e non só nestas, como xa se dixo. A INTG facía a seguinte valoración no Eixo Estamos contentes de que CC.OO, por fin, se decidira a apoiar a convocatoria dunha Folga Xeral Nacional, abandonando modos e posturas ambiguas a respeito do Goberno PSOE. De todas as maneiras en honor á verdade hai que deixar claro que, este cambio de postura en CC.OO, pasando de opoñerse á Folga Xeral Galega a apoiala veu dando fundamentalmente por (...) a existencia dunha Folga Xeral Nacional o 14 de febreiro, convocado exclusivamente pola INTG, que foi un éxito político innegábel (...) o movemento obreiro, inclusive as propias bases de CC.OO, estaban desbordando as súa directrices (...) isto provocou que os sectores máis atentos desta central se viran obrigados a cambiar de táctica pra retomar o movemento de masas (...) de todos os modos a data do 12 de xullo de 1984 é histórica pra Galiza xa que significa un fito e un salto cualitativo a nivel político, de loita e de organización .

Manuel Mera

No hay comentarios: