sábado, 28 de noviembre de 2009

El BNG de Fene y el PSOE se enfrentan por Astano (mayo de 2009)

6.2.- Seguidamente, intervén o Sr. Alcalde-Presidente e manifesta que hai outra moción presentada do grupo municipal do BNG de data 7 de maio de 2009, relativa ao apoio á Plataforma Cidadá Rumbo 21 .

A continuación pide o uso da palabra o Sr. Polo Gundín quen, unha vez concedido manifesta que a urxencia da moción ven determinada por que a finais de abril o responsable da Plataforma Cidadá Rumbo 21 lle deu conta da iniciativa lexislativa que estaba a realizar; que entrou na nova mesa do Parlamento e que a Xunta electoral está reclamando ás persoas fedatarias a recollida de sinaturas para esta iniciativa.
De seguido, pola Presidencia sométese a votación ordinaria a urxencia da moción , sendo aprobada por unanimidade.
A continuación pide o uso da palabra o Sr. Polo Gundín quen, unha vez concedido procede a dar lectura á moción, que transcrita di:

“EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A plataforma cidadá Rumbo 21 está a impulsar unha I.L.P. a prol do fomento do sector naval en Galiza. Esta cuestión xenérica cobra especial importancia nun Concello como o de Fene que conta cun dos meirandes estaleiros de Europa, e cunha superficie industrial pública máis infrautilizada do Estado.
É pois o momento de apoiar unanimemente esta iniciativa que entre outros ten por obxecto a reactivación da antiga Astano para a construcción naval sen máis límites que os da súa capacidade productiva.
Os impulsores da Plataforma Rumbo 21 déronnos conta a todos os grupos políticos da corporación da súa I.L.P. a prol do fomento do sector naval en Galiza.
O Concello de Fene coa súa Corporación municipal ao frente debemos ser os primeiros no apoio popular a esta I.L.P. tanto polo valor cuantitativo como polo valor simbólico de que o pobo de Fene non renuncia á revitalización dun dos seus motores económicos, sociais, de creación de emprego e de diversificación industrial.

Por este motivo o grupo municipal do BNG propón a adopción dos seguintes ACORDOS:
1.- Apoiar activamente a I.L.P. sobre o fomento do sector naval en Galiza que se adxunta.
2.- Difundir por todos os medios posibles: bandos,web e radio municipais, boletín xove a I.L.P. Así como a recollida de sinaturas no termo municipal.
3.- Facilitar a Rumbo 21 a recollida de sinaturas nos edificios municipais.
4.- Darlle conta destes acordos á Mesa do Parlamento Galego, á Plataforma Rumbo 21 e a todo o movemento asociativo de Fene.
Fene, 7 de maio de 2009.”

Continúa o Sr. Polo Gundín a súa intervención e di que cree convinte apoiar esta moción para reactivar e impulsar o sector naval galego; que dende o punto de vista de Fene é unha moción histórica, e axuda a que Astano volva a ser competitiva e volva a construír barcos: di que a moción trata de impulsa-lo sector naval galego, fundamentalmente Astano; que teñen que ser a referencia de Galicia nesta iniciativa, porque o sector naval é moi importante na ría de Ferrol, de Vigo, e en xeral para toda Galicia.

Seguidamente pide o uso da palabra o Sr. Galego Feal quen, unha vez concedido manifesta que o seu grupo vai votar a favor da moción porque están de acordo no fondo, aínda que non nas formas; di que tódolos voceiros tiveron unha reunión na Alcaldía e que o seu grupo cree que o máis axeitado sería que a Alcaldía trouxese esta moción ao Pleno para que ninguén capitalizase esta iniciativa popular.
Deseguido intervén o Sr. Alcalde-Presidente e di que na reunión cos voceiros dos grupos él dixo que levaría a moción á Comisión Informativa, e que a partires diso faríase unha proposta conxunta; que non foi á comisión informativa, xa que estaba previsto que fose á vindeira e que agora a trae ao Pleno o BNG .

A continuación pide o uso da palabra o Sr. Galego Feal quen, unha vez concedido manifesta que ao seu grupo tamén o poideron chamar para facer unha proposta conxunta.
Seguidamente intervén o Sr. Alcalde-Presidente e manifesta que tamén poideron chamar ao grupo do PSdeG-PSOE..

A continuación pide o uso da palabra o Sr. Sánchez Martínez quen, unha vez concedido manifesta que ninguén pode dicir que non a que Astano volva á construcción naval; di que se deron moitos miles de millóns á banca e a outros sectores como o automobilístico e pregunta por qué non se lle deu ao sector naval; que indubidablemente está de acordo con que Astano volva a construír, aínda que non a calquera prezo; que a súa posición é a abstención, como xa lle indicou ao grupo que presenta a iniciativa; que dende Esquerda Unida manteñen que a empresa pública debe existir.

Deseguido pide o uso da palabra o Sr. López Rodríguez quen, unha vez concedido manifesta que, estando de acordo co fondo da moción, xa que é moi importante que Astano recupere a construcción naval , o seu grupo vaise abster na votación por dous motivos: en primeiro lugar porque o grupo socialista sempre estivo de acordo co comité de empresa, que neste caso non se posicionou, e en segundo lugar porque no texto non se di se a xestión vai ser pública ou privada, e consideran que debe ser pública.

Seguidamente pide o uso da palabra o Sr. Vigo López quen, unha vez concedido di que forma parte da promotora e que a iniciativa lexislativa parlamentaria nunca se
posicionou nin se posicionará verbo da xestión do astaleiro; que o que se pretende é o levantamento do veto de Astano para que poida acceder á construcción civil; que a CIG deu o seu apoio a esta iniciativa e que para a súa sorpresa o Alcalde de As Pontes outorgou o seu apoio e dixo que o PSdeG-PSOE apoiaría esta iniciativa en tódolos Concellos de Galicia; que non entende por qué en Fene se absteñen; que tiveron conversas co secretario de comisións obreiras onde lle aclararon que non se buscaba a privatización e que é moi probable que nun breve prazo Comisións Obreiras se posicione a favor da iniciativa lexislativa; que dentro dunhas semanas vanse recoller sinaturas, e así ademais do apoio das forzas políticas se contará tamén co apoio da xente.

A continuación intervén o Sr. Alcalde-Presidente e manifesta o seu desexo de aclara-la postura do PSdeG-PSOE neste Pleno; di que o Partido Socialista vaise abster por unha serie de razóns que históricamente foron mantidas polo PSOE de Fene; que se trata do posicionamento do Comité de Empresa e dos representantes de Astano; que o grupo socialista contactou co Comité de Empresa, e este lle comunicou que non tiñan adoptado ningunha postura ao respecto.
Continúa o Sr. Alcalde dicindo que verbo do veto, probablemente son certas as contías que se indicaban, pero que o astaleiro de Fene formaba parte de Izar, e as axudas son as que o goberno de España lle da a Izar; que non é certo que Fene sexa o único astaleiro de España con veto, pois son todos os de Navantia; que dende Fene e Ferrol no ano 2004 se renegociou que os astaleiros de Fene e Puerto Real quedasen no sector público e a condición da Unión Europea foi que non se adicara máis dun vintecinco por cento á construcción civil; que a postura do PSOE é perfectamente lexítima, respectable e que o único que fan é ser coherentes coa postura que sempre defenderon, que é ir da man dos traballadores.

Seguidamente pide o uso da palabra o Sr. Galego Feal quen, unha vez concedido, di que lle parece decimonónico amparar a postura na dos traballadores; que con esta moción non se trata de ir en contra dos traballadores; que o importante é que se levante o veto e que aos traballadores hai que darlles un posto de traballo.
De seguido pide o uso da palabra o Sr. Sánchez Martínez quen, unha vez concedido di que todos están de acordo no levantamento do veto; que o seu grupo vaise abster na votación porque non se di nada en canto á xestión; que cando non se ven as cousas claras hai que ter cautela e precaución; que verbo das axudas concedidas, manifesta que é certo que non foron todas para Astano, pois este pertence a un grupo.

Seguidamente pide o uso da palabra o Sr. Vigo López quen, unha vez concedido di que cree que deixou claro na reunión os motivos da iniciativa lexislativa popular ; que esta é unha cuestión apolítica; que a día de hoxe as persoas que forman parte da Plataforma teñen diferente ideoloxía e o único que perseguen, o seu obxectivo común ,é o levantamento do veto de Astano, e procede a dar lectura ao texto articulado da Proposición de Lei.

Continúa o Sr. Vigo López a súa intercención dicindo que lle gustaría responder ao Sr. Alcalde; di que as axudas que se entregaron a Izar foron nominativas; que o astaleiro de Fene foi o único que non recibiu unha axuda nominativa; que a única axuda que
queda pendente é para cando o astaleiro se disolva e se xere un novo grupo; que o único astaleiro do sector civil que era rendible era o de Fene; que o resto tiñan unha valoración negativa; que é preciso poñe-los medios para que en Fene podan facerse barcos.

Seguidamente pide o uso da palabra o Sr.Pico Sanmartín quen, unha vez concedido manifesta que na sala de Plenos hai dous traballadores de Navantia-Fene; di que hai xente que opina de Astano e non coñece o tema; que a mal chamada reconversión deixou a Astano con 350 traballadores; que deses quedan 319, e destes hai 20 de baixa temporal; que hai 299 traballadores que están en Astano por sentenza xudicial e que se non fora por isto, estarían todos en Bazán.

A continuación pide o uso da palabra o Sr. Sánchez Martínez quen, unha vez concedido di que reitera que o motivo da súa abstención é que non se di nada da xestión.
De seguido intervén o Sr. Alcalde-Presidente e dille ao Sr. Vigo López que o que respostou non ten nada que ver co que dixo; que non dixo que a iniciativa lexislativa popular fose a privatizar Astano, senón que non di o que vai facer; que non dixo que fose imposible cuantifica-las axudas que lle deron a Fene, senón que dixo que o astaleiro de Fene forma parte de Izar, e que a Unión Europea sancionou a este grupo, e o asteleiro de Fene forma parte do mesmo; di que a situación do astaleiro non é a desexable nin a que a él lle gustaría que fora, pero que hai que ser realistas; que cando o Presidente do goberno fala de renegociar, eles evidentemente están de acordo co que di; que outra cousa é que hoxe, porque o BNG traia esta moción teñan que votala a favor; que o grupo do PSdeG-PSOE, se ben está de acordo, quere coñecer a posión do comité de empresa antes de pronunciarse, o que non quere dicir que estean en contra da iniciativa lexislativa popular, senón que, como non coñecen a posición do comité, vanse abster; que quere que quede clara a súa postura e non se tersiverxen as súas palabras e que a abstención do seu grupo non se interprete como un freno á iniciativa.

Seguidamente pide o uso da palabra o Sr. Vigo López quen, unha vez concedido manifesta que a iniciativa lexislativa popular. o único que persegue é o levantamento do veto de Astano e que despois se falará da xestión.
A continuación pide o uso da palabra o Sr. Lourido González quen, unha vez concedido di que verbo da iniciativa está ben que se pida o apoio de todo o mundo, pero que o tema ten que comezar polos sindicatos.

Rematado o debate, polo Sr. Alcalde-Presidente sométese á votación ordinaria a Moción presentada polo BNG de data de 7 de maio de 2009, obténdose o seguinte resultado:

Votos a favor: nove (9), (dos/as Sres/as Polo Gundín, Couto Seijido, Roca Requeijo, Pico Sanmartín, Vigo López, Galego Feal, Bértoa Puente, Franco Casal, Fornos Corral).

Votos en contra: Ningún (0).

Abstencións: oito (8), ( dos/as Sres/as Puentes Rivera, Silvar Canosa, García Balado, Rodriguez Carballeira, López Rodríguez, Lourido González, Rey Sampayo e Sánchez Martínez).

No hay comentarios: