Un grupo de cidadáns de Ferrolterra insiste na necesidade de que o antigo estaleiro de Astano en Fene sexa recuperado para a construción naval civil, unha actividade que ten prohibida até 2015 polos acordos de reconversión industrial entre o Estado español e a Unión Europea. Para acadar este obxectivo presentaron no Parlamento unha iniciativa lexislativa popular (ILP) que será debatida na Cámara se conseguen recadar 15.000 sinaturas. Ramón Yáñez (Fene, 1946) un dos promotores, pensa que a aprobación desta iniciativa achegaría forza moral a esta causa en Europa.
Ramón Yáñez, enxeñeiro naval
Que significa a recuperación de Astano para a construción naval civil? A construción naval en Galicia é fundamental. Cidades como Vigo, Ferrol e A Coruña en menor medida teñen a dimensión actual grazas ao desenvolvemento deste tipo de actividade. Sen a construción naval non se podería entender a historia moderna de Galicia, xa que posibilitou a transición cara a produción industrial actual. Nós pensamos que sen esta actividade tampouco se pode entender o futuro do país. Está claro que o porvir do transporte mundial pasa pola vía marítima conectada con ferrocarrís. Neste sentido Galicia está situada no centro de importantes liñas de marítimas. Algúns estudos, como o de Caixanova, afirman que Astano debería dedicarse a outros tipos de actividades relacionadas co metal, xa que o futuro do mercado naval non está moi claro... A ILP que propoñemos refírese á construción naval en toda Galicia, tamén en Vigo. En canto ao estudo de Caixanova, penso que a xente que o redactou está a pensar na construción naval como era antes. Hoxe en día en Astano é moi difícil que volva ser rendíbel fabricar grandes buques para transportes de cereais ou petroleiros. Neste segmento os estaleiros coreanos compiten en prezo dun xeito inasumíbel. Na ILP propoñemos a recuperación de Astano como un gran centro de reparacións e de produción de buques moi especializados, como os destinados á explotación de cru, que tamén fabrican os estaleiros de Vigo. Tamén hai demanda para barcos de transporte de gas. En Galicia non hai hoxe ningún estaleiro, agás Astano, que teña as instalacións necesarias para a produción destes barcos. Outra opción é a construción das grandes estruturas necesarias para o aproveitamento da enerxía das ondas do mar. Que relación garda a súa iniciativa lexislativa popular co Plan presentado polo estaleiro Hijos de Barreras? Nós pensamos que Astano debe ser complementaria doutras instalacións do mesmo tipo no conxunto da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Se a alternativa de Barreras fose adiante Astano tería unha importante carteira de pedidos para a produción de buques de transporte de gas. Barreras non ten hoxe as gradas e o espazo necesario para facer este tipo de buques, a pesar de estar considerado como un estaleiro de referencia que si lle permitiría conseguir os contratos. Contempla a iniciativa algunha referencia á titularidade pública ou privada de Astano? Iso non nos compete aos promotores da iniciativa, senón ás instancias político-administrativas. Non obstante, dada a importancia que a construción naval ten para a zona e para Galicia, debería, polo menos, ter participación pública. O que aparece no noso texto é que a empresa debe ser rendíbel. Para iso é imprescindíbel a flexibilidade. Podemos poñer como exemplo a estrutura de produción de Barreras. O estaleiro vigués define un traballo, planifícao e controla a calidade. O resto das fases da produción encárgallas a compañías especializadas con persoal altamente cualificado que traballan para diferentes estaleiros. Canto se pode adiar a volta de Astano á construción naval sen que deixe de ser rendíbel? Europa non está creando novos estaleiros, xa que supón un investimento moi importante. Astano posúe instalacións rematadas que non se están a aproveitar en todo o seu potencial. Hai que ter en conta que existe unha relación entre PIB mundial e produción naval. Canta máis riqueza haxa, máis buques se precisan. Nos próximos anos vaise moderar a demanda de barcos para o transporte de petróleo, automóbiles e materias primas. Non obstante ningún estaleiro europeo compite neste segmento, senón nos que xa comentamos como o transporte de gas ou os buques sísmicos. Non obstante, os estaleiros asiáticos teñen décadas de experiencia. Non poden ocupar nos próximos anos tamén estes segmentos? O mercado interno copa toda a produción das súas instalacións. Corea do Sur e Xapón son grandes exportadores e por iso os seus estaleiros teñen traballo abondo coa fabricación de barcos de transporte de mercadorías convencionais. Agora China vai producir barcos, pero para crear unha flota propia de transporte de mercadorías. Se hoxe se eliminasen os atrancos políticos, canto tardaría Astano en volver a producir? Nun ano e medio ou dous anos podería estar ao cento por cento. Seguen a existir as empresas auxiliares necesarias? Si, moitas auxiliares galegas traballan en Cádiz ou Sestao cando non teñen demanda aquí. A este tipo de empresas gustaríalle ter traballo en Ferrol porque a maioría do seu cadro de persoal e directivo son de orixe ferrolterrá. O único que precisan, e que nós recollemos na iniciativa, é financiamento adecuado, xa que non dispoñen de moitos recursos propios.
Houbo varias na última lexislatura, pero é certo que a xente non lles dá en xeral moita importancia. Existe pouca confianza en que iniciativas deste tipo poidan mover opinión nos partidos, máis cando xa houbo resolucións votadas por estas organizacións no Parlamento sobre o mesmo tema. Os promotores desta ILP somos un grupo moi plural, a maioría sen adscrición política, que estamos unidos polo interese no sector naval en xeral e en Astano en particular. A sociedade ten que entender que este tipo de iniciativas trasladan unha proposta da sociedade para que os políticos lexislen sobre a mesma.
anosaterra.org
No hay comentarios:
Publicar un comentario