Máis de mil persoas manifestáronse este domingo na praza de Armas de Ferrol chamados pola Asociación Impulsora do Plan Ferrol, integrada por sindicatos e empresarios da comarca. A concentración esixiulle ao goberno español e á Xunta que dote a comarca de infraestruturas como o tren ao porto exterior ou a vía de alta capacidade da Costa.
A manifestación estivo encabezada polos representantes comarcais dos sindicatos CIG, UXT e CCOO, polo presidente da Cámara de Comercio e mais os responsábeis das asociacións de empresarios CEF e Cefeor, portando unha faixa coa mensaxe "Polo cumprimento dos compromisos con Ferrol, Eume e Ortegal".
A protesta partiu pasado o mediodía do peirao de Curuxeiras e rematou na praza de Armas, despois dun percorrido polas principais rúas ferrolás, nas que se lle foi sumando máis xente. Estiveron nela os alcaldes socialistas de Ferrol, Fene e Cedeira, representantes de Terra Galega de Narón e de Neda e os rexedores populares de Pontedeume, Ortigueira e Cabanas.
O BNG desmarcouse da mobilización porque considerou que a prioridade para a comarca é a construción naval civil na antiga Astano, e que esta petición non se pode incorporar só de xeito parcial.
http://www.vieiros.com/nova/70433/unha-manifestacion-pide-en-ferrol-mellores-infraestruturas
No hay comentarios:
Publicar un comentario