lunes, 10 de noviembre de 2008

Artigo de opinión de Carlos Aymerich sobre o caso Navantia-Fene


O portavoz do grupo parlamentar do BNG analiza neste texto a actitude de cargos do PSOE sobre a revitalización de Navantia-Fene
Santiago de Compostela, 16 Febreiro 07.- O portavoz do grupo parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, analiza neste texto a actuación do presidente de Portos de Galiza e candidato do PSOE á alcaldía de Ferrol, Vicente Irisarri, sobre a solución á situación de Navantia-Fene.
O artigo xa víu a luz esta semana en A Nosa Terra.

FERROL E O PSOE
Vicente Irisarri, presidente do ente público “Portos de Galicia” e candidato do PSOE á alcaldía de Ferrol, quer ver imediatamente en Bruxelas ao conselleiro nacionalista de Industria, Fernando Blanco. Un Irisarri nervoso rétao, nun comunicado de imprensa, a “explicar aos ferroláns que xestións prevé realizar co fin de dar conta na UE do plano de Barreras para construir buques civís en Navantia-Fene”. Pode estar tranquilo o Sr. Irisarri: o vindouro venres, 16 de Febreiro, Fernando Blanco vai explicar en Fene, nun acto público convocado polo BNG, o traballo que o nacionalismo está a facer para que os estaleiros da ría ferrolá poidan voltar á construción naval civil.
Seica para estes destacados dirixentes do PSOE Galiza debe seguir á espera do que o Estado e a UE decidan. Non debe ousar o Goberno galego – e ainda menos o nacionalismo! – a cuestionar os compromisos asumidos coa UE, ainda que non se lle dese participación nin tampouco, o que é máis grave, información ningunha sobre estes acordos.
E se alguén quer construir buques civís no estaleiro de Perlío saiba que terá que pagar os 1200 millóns de euros que en axudas ilegais distribuíu o goberno español entre os estaleiros públicos da vella Izar. Pouco interesa que no de Fene non se investise nen un só peso.
Ao fin, todo é procurar excusas para non cuestionar un status quo estatal que concentra en Andalucía a construción naval pública e, de paso, impedir que alí onde fracasou o malfadado “Plan Ferrol” poida ter suceso unha iniciativa nacionalista. Pouco lle importa ao PSOE que polo camiño Ferrolterra siga a perder poboación e emprego. Non sería a primeira vez a este partido, Ferrol sábeo ben, non lle treme a man.

Xa que logo o PSOE faría ben en definirse e en esclarecernos, a todos os galegos, se é que realmente está comprometido coa construción naval civil na ría de Ferrol. Se vale máis a palabra de Martínez Robles, Irisarri, Rosa Miguélez ou Xavier Carro que a de Zapatero ou Touriño.
Se está a traballar na UE – ao menos co mesmo empeño que o empregado no asunto ENDESA – para mudar un acordo lesivo para Galiza ou se, en realidade, está a presionar para que a comisaria europea de concorrencia, Neelie Kroes, nen tan sequer receba ao Conselleiro de Industria.
Di Touriño que Galiza ten dereito a renegociar o acordo suscrito coa UE. Máis, falando de dereitos, non abondan as declaracións. Os dereitos hai que exercelos. E iso, xustamente, é o que o BNG tenta facer en beneficio de Ferrolterra e de Galiza. Apesar do PSOE.

No hay comentarios: